martes, 6 de septiembre de 2016

Carta a la directora de la biblioteca "Antonio Odriozola" (Pontevedra) por charla pseudocientífica #ARP-SAPC #noticias


Estimada directora da biblioteca pública de Pontevedra Antonio Odriozola:

Contacto con vostede en representación de ARP-Sociedad para el Avance del Pensamiento Crítico, asociación sen ánimo de lucro que promove o uso da razón e o pensamento crítico fronte á credulidade e ás afirmacións pseudocientíficas e paranormais.

Desexo trasladarlle a nosa preocupación tras ser informados por un dos seus usuarios dunha conferencia programada na súa biblioteca para o día 7 de setembro de 2015, co título "Os efectos positivos da cuántica", a cargo de Thutam Guillamot, coa colaboración de Kamala (cuncas Tibetanas) e Inma Allo (terapias enerxéticas).

Cremos que o permiso otorgado para que este acto se celebre nun local pertencente á Administración só se pode deber a algún tipo de erro, pois se trata dun acto co fin de promocionar determinadas terapias, actividades e produtos que non están avalados pola máis mínima evidencia científica e que son considerados falsas medicinas ou pseudoterapias (auténticos fraudes sanitarios, neste caso, o reiki, as cuncas tibetanas e as "terapias enerxéticas"), motivo polo cal non están autorizadas no sistema español de saúde nin teñen aval das nosas autoridades sanitarias; igualmente, esa presunta "cuántica" non ten nada que ver con nada do que lles podería indicar alguén que se dedique á investigación en Física Cuántica, e non é máis que unha amálgama de vocabulario cientifioide mesturado con meras crenzas, relixiosas e doutros tipos, pero sen base ningunha, e moito menos aplicabilidade na saúde física ou psicolóxica.

Solicitámoslle que anule o permiso para que o devandito acto se celebre nunhas dependencias da Xunta, baseados nas seguintes razóns:

1.- Porque os únicos lexitimados para informar publicamente sobre cuestións relativas á saúde e promover tratamentos, terapias ou produtos relacionados con ela son os profesionais sanitarios, as autoridades sanitarias e os científicos e expertos colaboradores aos que, por certo, as autoridades esíxenlles o maior grao de veracidade e transparencia posíbeis cada vez que emiten información.

Isto despréndese de toda a lexislación sanitaria española, que non dá lugar á máis mínima dúbida nin confusión. En particular, hai que citar a Lei 44/2003 de 21 de novembro, de Ordenación das Profesións Sanitarias, a Lei 14/1996, de 25 de abril, Xeral de Sanidade, e a Lei 33/2011, de 4 de outubro, Xeral de Saúde Pública.

Polo tanto, calquera información referida á saúde por parte de persoas non lexitimadas só sería admisíbel:

a) en contextos privados, ou ben

b) en contextos públicos, sempre que o expresado se reduza a simples opinións personais, e non supoña, de ningún xeito, un acto informativo ou de intención claramente de promoción.

O acto que pretende celebrarse pode representar unha violación de toda a nosa lexislación sanitaria, dado que se trata de persoas non lexitimadas, autorizadas nin avaladas en ningún sentido (ou, se o están, non actúan como tales), que pretenden aproveitar un acto de carácter intrinsicamente cultural, como é un concerto, para promover de forma deliberada tratamentos, técnicas e produtos relacionados coa saúde.

2.- Porque vulnera o art. 43 da Constitución Española e a Lei 33/2011, de 4 de outubro, Xeral da Saúde Pública.

O art. 43 da CE establece o dereito que teñen os cidadáns a que se protexa a súa saúde e expresa dun xeito moi claro que todos os poderes públicos deben procurar a devandita protección.

A Lei 33/2011, que matiza e complementa o art. 43, establece que a protección da saúde do cidadán non consiste unicamente en asegurarlle unha serie de prestacións sanitarias, senón tamén en proporcionarlle unha información o máis veraz posíbel e de alta calidade.

A referida lei é clara ao establecer que a única información que se considerará veraz é a referida a procedementos, terapias e medicamentos que demostraran unha altísima evidencia científica.

Consideramos que autorizar un acto destas características nun local pertencente á Administración representa todo o contrario ao deber de protexer a saúde dos cidadáns e non só porque a información que se vai dar poida ser ofrecida por persoas non lexitimadas nin autorizadas, con probabilidade carentes de ningunha titulación oficial por parte do Estado que avale os seus coñecementos, senón tamén, e sobre todo, porque propoñen unhas terapias e procedementos que de ningún xeito mostran a máis mínima evidencia científica e que son consideradas falsas terapias, aínda que as poidan disfrazar de crenzas, opinións e mesmo antropoloxía ou folclore.

3.- Porque vulnera o art. 20 da Constitución Española.

Este artigo, tan mal interpretado en moitas ocasións, establece o dereito á libertade de expresión e información, pero limita e condiciona esa libertade a que a información emitida sexa veraz.

Se establece esa limitación é, precisamente, para evitar actos como este, nos que calquera persoa ou grupo, en nome da libertade de expresión, intenta acceder a un espazo de proxección pública co obxectivo de emitir suposta información carente de toda base e evidencia, é dicir, información falsa, e adquirir un verniz de prestixio que puida dar o difundir as súas ideas nunhas dependencias oficiais.

Da veracidade da información en cuestións sanitarias non é algo do que se teña que ocupar o cidadán que a recibe; son os poderes públicos os que teñen a obriga de coidar que a información emitida sexa veraz, especialmente cando a información se emite dende un local que pertence á Administración.

4.- Porque pon en perigo a saúde dos cidadáns.

Xa que pode supor que acudan persoas  que non entendan o alí exposto e abandonen os seus tratamentos médicos efectivos, ou que consuman produtos inútiles, algo que non pode contar con ningún apoio por parte da Administración, tampouco a mera cesión dun local ou a difusión e publicidade do acto.

Por todo o exposto, cremos evidente que a Xunta (e a Biblioteca Pública Antonio Odriozola, neste caso), debe evitar, por acción ou omisión, a comisión destas infraccións, amais de verse involucrada nelas coa cesión das súas instalacións ou o aparente patrocinio do acto.

Reiterámoslle a nosa solicitude de que cancele o permiso para que a citada charla se celebre nunhas dependencias oficiais. Nada mellor para un servizo público cultural como é unha biblioteca que facilitar a opinión de auténticos expertos e expertas en ciencias con capacidade para a boa divulgación, para evitar que as afirmacións temerarias e as nocións anticientíficas se instalen na sociedade: boten man de profesionais sanitarios para falar de calquera tipo de terapia, e de físicos para falar da Cuántica.

E para rebaixar o ton seica excesivamente grave do presente escrito, permítanos trasladarlle o que nos contestaron dende a Real Sociedad Española de Física ao consultarlles sobre se tiñan algún comunicado oficial sobre a cuántica:

​ ​

«En un momento te lo hacemos. Usando lenguaje de mi pueblo: "La medicina cuántica es una trangallada". De nada».

Agradecémoslle a súa atención por adiantado e ficamos á súa disposición.

Atentamente,

Alfonso López Borgoñoz
Presidente
ARP-Sociedad para el Avance del Pensamiento Crítico

Compartir: